sábado, 14 de junio de 2008

Manifestación do pobo de Silleda

As imaxes dino todo.

Graciñas ós que estivéstedes conosco e máis ós que fixeron todo o posible para que algúns máis non estivésedes tamén. Sabemos que, no fondo, todos estamos e estades coa feira.

Graciñas
tamén ós comerciantes de Silleda que deron un exemplo único de solidariedade, como único foi tamén o exemplo do bar que permaneceu aberto ó noso paso. Entendémos a súa postura.

A todos, todos, GRACIÑAS.








martes, 27 de mayo de 2008

Hoxe tocou na Lonxa




sábado, 24 de mayo de 2008

Primeira, que non derradeira, manifestación da Feira de Silleda

Ate o de agora foron palabras,
e agora que a realidade nos adianta pola dereita:
comezan os feitos.









miércoles, 14 de mayo de 2008

Comunicado aprazamento Semana Verde

A Fundación optou por esta medida para construír con máis tempo unha feira competitiva que faga honra ao seu prestixio internacional

A 31ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia aprázase a novembro

POR RETRASOS IMPREVISTOS NA PLANIFICACIÓN DO CERTAME, CORRERÍASE O RISCO DE DEFRAUDAR AS EXPECTATIVAS DOS EXPOSITORES E VISITANTES PROFESIONAIS NO CASO DE CELEBRARSE A FEIRA EN XUÑO

Silleda, 13 de maio de 2008.- A organización da Fundación Semana Verde de Galicia tomou hoxe a decisión de aprazar a 31ª edición da Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que estaba programada para entre os días 11 e 15 de xuño de 2008. As novas datas de celebración serán do 12 ao 16 de novembro.

Este aprazamento estivo motivado indirectamente polo retraso na contratación do plan de viabilidade do recinto feiral. A decisión de elaborar este estudo foi acordada unánimemente polo Padroado da Fundación na súa reunión do pasado 26 de decembro, e estaba previsto que a formalización do encargo fose efectuada “coa máxima rapidez” despois da reunión extraordinaria do Padroado do 4 de marzo, a falla de concretar e matizar determinados aspectos.

Pero unha demora imprevista de dous meses na contratación do plan repercute na Semana Verde.

En primeiro lugar, porque se romperon os tempos (o plan de viabilidade debería estar rematado fai un mes) en orde a planificar e promocionar axeitadamente a 31ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia.

A este respecto, a organización quere deixar constancia de que prefería ter resolto este asunto (do que depende a súa vez a aprobación dos orzamentos para 2008, tendo que operar a Fundación entretanto cos orzamentos prorrogados) antes de preparar en profundidade o programa da feira, xa á luz dos resultados do devandito plan. Pero o retraso restou capacidade de reacción para planificar os contidos do evento, que de celebrarse en xuño correría o risco de defraudar as expectativas de expositores e visitantes profesionais.

En segundo lugar, ante o clima de incertidume suscitado a raíz do devandito plan, que dificultou a contratación de espazo expositivo na Semana Verde (percíbese tamén a ralentización da economía en España). Sobre todo, ao verse este clima de incertidume alimentado e magnificado por determinadas declaracións que se foron verquendo aos medios de comunicación nos últimos meses.

Por outra banda, cómpre salientar que a Área de Gandería (un dos piares fundamentais da feira) veu limitada a súa participación de bovino porque, se ben Galicia está exenta de brotes de lingua azul, non ocurre así noutras Comunidades Autónomas tradicionalmente participantes nos concursos da feira, de tal xeito que estaba prácticamente descartada a celebración do 30º Concurso Internacional da Rasa Frisona Semana Verde –un dous máis prestixiosos do calendario europeo- pola imposibilidade de que concurrisen reses procedentes doutras rexións onde si se detectou a enfermidade.

Chegados a esta situación, a Semana Verde non desexa poñer en marcha no vindeiro mes unha feira que menoscabe a súa imaxe internacional, sólidamente cimentada polo traballo desenvolvido ao longo de 30 anos a prol do avance e modernización do mundo agrario.

A organización quere agradecer a todos os expositores, patrocinadores, proveedores e clientes a súa implicación na posta en marcha da Semana Verde; e proclamarlles a súa certeza de que este aprazamento a novembro servirá para construír con máis tempo un certame máis competitivo nos seus obxectivos de canalizar a comercialización, formación, promoción, innovación e internacionalización da oferta convocada.

En marcha o plan de viabilidade

Neste sentido, o feito de contar con máis marxe de maniobra tanto para a labor comercial como para a promoción e posta en práctica do programa de actividades, sumado á profunda implicación da Consellería do Medio Rural e a que xa está en marcha a elaboración do plan de viabilidade (rematarase nunhas catro semanas) contribuirán a facer unha feira que resposte máis e mellor ás expectativas dos seus expositores e visitantes profesionais.

Esta é a segunda vez na historia da Semana Verde que se apraza a feira. A primeira tivo lugar no ano 1983 (sexta edición), cando houbo que retrasala de xullo a setembro como consecuencia da peste de glosopeda que afectou á cabana de vacún.

lunes, 17 de marzo de 2008

Comunicado 14/3/08

Os delegados de personal en representación dos traballadores da Fundación Semana Verde de Galicia queremos deixar constancia da nosa versión do que vén saíndo en prensa nas últimas semanas. Os feitos ós que nos referimos son o cruce de declaracións publicadas no Faro de Vigo a semana pasada entre o Presidente e o ex xerente da empresa, e as novas sobre o arquifamoso estudio de viabilidade e o plan estratéxico.

1.- Falar da delicada situación económica da Fundación como causa do despido do xerente (Faro de Vigo 05/03/08) é recoñecer unha realidade que xa os traballadores denunciaramos no seu día e que foi negada polo Presidente no pasado mes de nadal presentando a súa xestión coma un éxito absoluto: un millón de euros de beneficios derivados dunha frenética actividade no recinto, actividade que os empregados non vimos nin percibimos por ningures.

2.- O Presidente, primeiro, acusa ó xerente (Faro de Vigo 05/03/08) de inactividade e de ser o causante da situación económica actual así como das perdas de liquidez; no seguinte comunicado (Faro de Vigo 08/03/08) desdise e apunta que nunca lle achacou ó Sr. Alcañiz a situación económica da empresa, pero insiste en xustificar o despido ó tempo que volve a arremeter contra él con outras acusacións diferentes como a perda de confianza e o non levar a cabo unha reestructuración organizativa. Isto proba que a actitude do presidente é malintencionada de por si.

3.- Esta situación non é un caso illado, pois en 10 anos xa van aló 4 xerentes e con todos pasou o mesmo: as súas funcións sempre as desempeñou de xeito sistemático o noso presidente/xerente/director comercial/director de recursos humanos ...

Precisamente se algo se lle pode reprochar ó Sr. Alcañiz é non ter reivindicado con firmeza e rotundidade o papel e as funcións que como xerente lle reservan os estatutos da Fundación, que non son poucas nin banais.

4.- Primeiro afírmase que o cese do xerente tivo que ser aprobado polo Padroado debido á forte liquidación que supón, ó tratarse dun cargo de alta dirección (La Voz de Galicia 05/03/08). Tres días despois (La Voz de Galicia 08/03/08) xa se fala de que con 6.600 euros está finiquitado por ser un contrato de alta dirección.

5.- A posta en dúbida do cargo de Presidente da Fundación non quedará resolta con ese impresionante certificado que vimos na prensa (Faro de Vigo 08/03/08), senón con un documento que convenza ó notario para que lle recoñeza a súa firma como Presidente, cousa que polo de agora non está a suceder.

6.- En canto ó famoso Plan de Viabilidade / Estratéxico … cantos levamos xa pagados?. Deloitte & Touche cobrou 60.000 € no ano 97 por un plan semellante que nunca chegou a aplicarse. Posteriormente, como reflicte o Informe do Consello de Contas, entre os anos 2003 e 2004 incorporouse unha remesa de mandos intermedios a través dunha empresa externa. Estes cargos duraron ata que tentaron poñer en práctica as súas ideas. Entón “prescindiuse dos seus servizos”.

7.- O culebrón do Plan de Viabilidade comezou no ano 2006, cando foi anunciado polo Conselleiro Méndez Romeu en xaneiro (La Voz de Galicia 12/01/06), e volto a anunciar polo Presidente da Xunta en xuño (La Voz de Galicia 15/06/2006). En novembro celebrouse unha reunión do Padroado na que non se chegou a concretar nada pero seguíase a traballar nel (La Voz de Galicia 20/11/06); Un ano despois o Conselleiro de Presidencia non aclara se ten xa o plan estratéxico que anunciara o ano anterior, mándalle a pelota ó Presidente da Xunta e este devólvella dicindo que a Consellería debería estar traballando nese proxecto (Faro de Vigo 07/01/07). O Presidente da Fundación tamén sae a escea afirmando que se está a elaborar o plan (La Voz de Galicia 10/01/07). Porén, o pasado mes de novembro o plan de viabilidade seguía sen ter data (La Voz de Galicia 17/11/07). A última entrega deste folletín deuse na reunión do Padroado do pasado día 4 de marzo, na que se acordou entablar conversacións con dúas das empresas propostas para a elaboración do proxecto, e posteriormente cerrar a contratación cunha delas (La Voz de Galicia 05/03/08).

8.- . Se se chega a elaborar este plan, non custará menos de 80.000 €, importe que non poderá ser asumido en solitario pola Fundación, coa liquidez e tesourería actual (La Voz de Galicia 08/03/08). Preguntámonos entón outra vez por ese famoso millón de euros de superavit e pola seguridade demostrada en decembro de que a Fundación non corría perigo de peche “nin en tres meses nin en ningún outro prazo”.

9.- A pesares do cúmulo de falsedades e contradiccións que nós levamos tempo demostrando con datos obxectivos e reais, aquí non pasa nada, e resulta evidente que o Padroado (léase Xunta de Galicia) non ten o máis mínimo interés por poñer a funcionar esta Fundación. Segue deixando pasar o tempo para non ter que tomar decisións incómodas e asumir responsabilidades non desexadas.

10.- O recinto FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA debería funcionar en consoancia co seu nome. E como xa se lle deixou ben claro, en persoa, ó Sr. Méndez Romeu, ese nome non llo puxemos os traballadores, senon os políticos.

Xa temos dito máis veces que os nosos políticos, os de antes e os de agora, só se moven por intereses partidistas, e reflexo disto é a política feiral galega, que é tan só unha política de recintos, de construccións físicas: non existe unha política de organización de feiras.

Ante este desolador panorama, non nos queda máis esperanza cá que tiña o noso ilustre Curros Enríquez ó rematar o Divino Sainete con:

“e eu, do que vin parvo e mudo,
dende entón creo.. ou non creo...
pero dudar, ¡xa non dudo!”