martes, 18 de diciembre de 2007

COMUNICADO DE PRENSA DO PRESIDENTE DA FUNDACIÓN SEMANA VERDE DE GALICIA, JOSÉ MARIL SÁNCHEZ

(este comunicado está publicado na web da Feira www.feiragalicia.com)

1.- A Presidencia da Fundación Semana Verde de Galicia vese na obriga de reiterar outra vez, e con idéntica rotundidade que no pasado xaneiro, que esta institución feiral non corre perigo de peche, nin en tres meses ni en ningún outro prazo.

Once meses despois, a Fundación segue sen ter débedas pendentes nin créditos en curso, e goza dun patrimonio superior aos 90 millóns de euros que asegura a continuidade da institución. Por iso, estou en condición de afirmar como presidente que todos e cada un dos empregados desta casa seguirán a percibir os seus soldos puntualmente.

2.- A Fundación Semana Verde de Galicia foi constituída fai 16 anos coa fin de liderar a proxección internacional do tecido empresarial e industrial galego. Sen embargo, a entidade non acaba de cumprir este obxectivo, tal e como veño manifestando tanto en intervencións públicas como nas reunións do Padroado. Dúas son as causas principais que conduciron a esta situación:

· A proliferación de recintos feirais en Galicia e o solapamento de feiras adicadas a un mesmo sector que se canibalizan entre si e impiden que o noso país conte con certames especializados con envergadura suficiente para proxectar con forza estos sectores nos mercados exteriores.

Un exemplo notorio desta “competencia feroz” prodúcese no turismo, respecto do cal Galicia foi escenario de 4 salóns distintos nun período de só 35 días: Ferpalia (Vilagarcía: 29 de setembro a 2 de outubro), Turisport (Silleda: 18 a 21 de outubro), Termatalia (Ourense: 19 a 21 de outubro) e Expogalaecia (Vigo: 31 de outubro a 2 de novembro).

· A Fundación non recibe aportacións ao orzamento ordinario de mans dos seus patróns dende o ano 2000, sendo as dos dous últimos exercicios (anos 1999 e 2000) inferiores en máis dun 50% ás anteriores. E aínda que a Xunta obtivo en 2002 e polo seu propio desexo a maioría no Padroado en detrimento da Asociación Feiral -de tal xeito que fose o Goberno Autonómico o que liderase e abanderase os proxectos feirais-, seguimos na mesma situación.

Un dato significativo neste senso é que –pese a que a eficacia da nosa xestión está máis que demostrada ao revertir cada euro público destinado á Fundación 25,6 euros ao conxunto de Galicia, segundo reflexa un estudo elaborado pola consultora madrileña Inmark, S.L.- dos 81,84 millóns de euros investidos durante estes 16 anos en actividade, persoal e mantemento do recinto, só 15,51 millóns (é dicir, un 18,95% do total) foron subministrados polos patróns a través de aportacións ao orzamento ordinario, tendo que asumir a Fundación a diferenza restante cos seus propios recursos. E aínda así –suliño outra vez- non lle debemos cartos a ninguén.

Como consecuencia deste esforzo, vémonos imposibilitados de realizar os necesarios investimentos en promoción do recinto feiral que nos permitan competir en igualdade de condicións con outras instalacións que cumpren idéntico papel ao noso nas súas Comunidades Autónomas (IFEMA en Madrid, FIRA en Barcelona, BEC en Euskadi…), o que redunda na mingua da competitividade de Galicia.

Así e logo, para que o recinto poida cumprir por fin o seu papel faise necesaria a implicación económica e sobre todo política de todos aqueles patróns da Fundación realmente comprometidos cos nosos fins. Moi en especial, dos pertencentes á Xunta de Galicia por ostentar a maioría absoluta no seo da entidade. De igual xeito, estaríamos moi gustosos de incluír no Padroado a outras entidades que se identifiquen con este proxecto, como é o caso coñecido do Concello de Santiago de Compostela.

Sería desexable tamén unha coordinación feiral a nivel autonómico que propiciase que cada recinto galego cumpra a súa función, sendo a que nos corresponde liderar a internacionalización dos sectores básicos para Galicia.

Con estas premisas, unha ocupación plena do recinto acollendo eventos feirais con dimensión internacional e outras actividades dependentes da Xunta -no en van éste é o seu parque feiral- que precisen dunhas infraestruturas como as que hai aquí (caso das oposicións que se levan realizando dende xuño de 2001), permitiría acadar a medio prazo a autofinanciación, de tal xeito que non nos sería necesaria no futuro ningún tipo de subvención.

3.- A Fundación fixo un importante esforzo para manter, con cargo aos seus propios fondos de tesourería e dentro dunha política de lóxica austeridade ante a problemática exposta, todas aquelas actividades que redundan no desenvolvemento socioeconómico de Galicia. E teño a convicción de que a xestión foi irreprochable neste sentido:

· Entre as feiras que a Fundación en 2007 organizou ou coorganizou (laboriosa tarefa que xustifica en gran parte que un total de 83 traballadores dependan directa ou indirectamente de aquela), a 30ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia (co seu salón paralelo Salimat) e, especialmente, a terceira edición de Cimag xeraron uns resultados económicos moi satisfactorios. Non así a 16ª edición de Turisport, pero a súa continuidade foi tomada por consideracións estratéxicas, pois non cedemos no noso empeño de posicionar unha feira que –iniciada en 1992- foi a primeira en Galicia en adicarse ao turismo, e que se viu prexudicada pola aparición posterior doutras tres que inciden no mesmo sector.

· A Lonxa Agropecuaria de Galicia que promove e organiza a Asociación Feiral Semana Verde coa colaboración da Fundación está consolidada xa –grazas a súa fórmula de subasta que garante a total transparencia e obxectividade nas transaccións comerciais- como un instrumento clave para a comercialización do sector gandeiro de Galicia, beneficiando sobre todo ás pequenas explotacións. Así, a subasta moveu no que vai de 2007 un total de 64.229 animais e facturou 23.958.631 euros: cifras que se puderon lograr despois de moitos anos de esforzo ata convencer ao sector da eficacia deste modelo innovador que é único en España. Pese a que dende a súa creación en 1981 investíronse máis de tres millóns de euros na súa posta en marcha e xestión de funcionamiento, aínda hoxe segue sendo totalmente gratuíta para os seus usuarios.

· Este ano foi escenario dun novo proxecto feiral -o Salón Internacional Galego de Automoción (Siga)- no que se aunaron a vontade do sector por organizar un evento especializado coa contrastada experiencia feiral que atesoura a Fundación. Esta fórmula de colaboración público-privada é a que mellor garante a consolidación dun proxecto feiral, e non só proseguirá en 2008 coa segunda edición de Siga, senón que se intensificará coa celebración do Primeiro Salón Náutico de Galicia, organizado co noso apoio pola Asociación Galega de Empresas Náuticas (Agen). Estes dous eventos -ademais dunha nova Feira de Camping-Caravaning coincidente cunha Acampada Nacional que reunirá aquí a máis de 4.000 campistas- apenas van ter custos significativos para a Fundación e si producirán beneficios.

Como consecuencia destas e doutras accións (ata alcanzar este ano un total de 224 días de ocupación a través de 147 actividades) a Fundación vai obter por primeira vez na súa historia beneficios netos na actividade, cun superávit previsto para 2007 superior ao millón de euros.

4.- A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia foi xerme e promotor de valiosísimos proxectos que repercutiron decisivamente no avance do mundo rural do noso país. É o caso da antes mencionada Lonxa Agropecuaria de Galicia e é o caso tamén da Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que foi iniciada en 1978 pola Asociación Feiral cando o sector agrario estaba vapuleado e que ésta logrou impulsar con recursos modestos ata dotala en 1988 de cualificación internacional (otorgada pola Secretaría de Estado de Comercio) e integrala en 1991 na Unión de Feiras Internacionais (UFI), que aglutina aos certames profesionais máis importantes do mundo. Aínda hoxe, ningunha outra feira galega forma parte deste último organismo.

Non menos salientable é que –segundo recolle a acta constitutiva da Fundación de 1991- a Asociación aportou 278.443 metros cadrados de terreo para que puidese ser construído o parque feiral no que nos atopamos. É dicir, o 63,2% da superficie total do recinto.

En consecuencia, como presidente da Asociación Feiral Semana Verde de Galicia debo velar polos intereses desta entidade, pois así o prometín aos cerca de 4.000 socios que a compoñen e que me transmitiron cos seus votos a súa confianza ao longo destes 30 anos. Eles son parte fundamental do que se conseguiu e por iso mesmo deben ter un peso específico no futuro do recinto feiral.

5.- En canto a miña situación profesional, non me considero un escollo para ninguén e a miña vontade de colaborar segue a ser absoluta con todos e cada un dos patróns que integran a Fundación.

O futuro dos traballadores da Fundación sempre foi para min unha prioridade, segundo tiven oportunidade de manifestar a alguns dos responsables da institución, tanto de forma verbal como por escrito.

En ningún intre arrogueime poderes plenipotenciarios, como o testemuña o feito de que esta entidade contase con tres xerentes (un aínda en activo) que foron aprobados polo propio Padroado e que desempeñaron as tarefas inherentes ao seu cargo. De igual xeito, o organigrama da Fundación dispón na actualidade dun equipo directivo do que forman parte –ademais do devandito xerente- un director económico-administrativo, un director de infraestruturas e servizos, e un secretario xeral, todos eles coas súas atribucións correspondentes.

Non é certo que eu non teña que rendir contas a ninguén. De sobra é sabido que a xestión efectuada dende a Fundación é analizada polo miúdo en cada unha das dúas reunións ordinarias anuais do Padroado.

Por último, teño plena confianza en que a vindeira reunión do Padroado da Fundación contribuirá a disipar as inquedanzas que poidan existir sobre o futuro da entidade.