miércoles, 19 de diciembre de 2007

Comunicado de Prensa dos Traballadores da Semana Verde

Tralo comunicado oficial do Presidente da Fundación publicado o pasado venres día 14 de Decembro na páxina web da institución, os traballadores da Fundación vémonos na obriga de ter que informar sobre a situación que realmente se está a vivir nestes intres na Semana Verde.

Para elo, e con intención de dar total veracidade e imparcialidade á nosa información, queremos tomar como referencia principalmente o último informe do Consello de Contas e a Auditoría feita por Ernst &Young.

O Sr. Maril atrévese a afirmar, con idéntica rotundidade que no pasado mes de Xaneiro, que a Fundación non corre perigo de peche, que non ten débedas nin créditos, que ten un patrimonio de 90 millóns de euros e que os seus empregados recibirán puntualmente os seus salarios.

No último Informe de Auditoría, a empresa Ernst &Young indica a seguinte salvedade: “Os ingresos por actividades de explotación e aportacións de Patróns da Fundación e patrocinadores diversos manteñen unha tendencia decrecente, mentres que os gastos de explotación mantéñense en niveis similares, o que se traduce en que nos últimos exercicios se incurrise en perdas continuadas e significativas. Valoramos dita situación como indicativa dunha incertidume sobre a capacidade para continuar a súa actividade de forma que poida realizar os seus activos e liquidar os seus pasivos polos importes e según a clasificación con que figuran nas contas anuais adxuntas, que foron formuladas polos membros do Padroado, asumindo que tal actividade continuará, dependendo do apoio financeiro dos seus Patronos ou de terceiros”.

Queda manifestamente claro, indicado por unha empresa independente e especializada nestes temas, que os ingresos na actividade foron menguando, así como as aportacións dos Patronos, mentres que os gastos foron constantes, producíndose perdas continuas nos últimos anos.

Segundo o Informe do Consello de Contas, ata o ano 2006 (sendo este último unha previsión dado que está pendente a súa aprobación polo Padroado, xa que o Sr. Maril aínda non convocou a reunión obrigatoria que, por lei, se debería ter celebrado no segundo trimestre do ano), as perdas acumuladas neste últimos anos ascenden a 22,81 millóns de euros. Esta situación, segundo a propia empresa Auditora, é indicativa dunha incertidume sobre a capacidade da Fundación para poder xerar ingresos que lle permitan afrontar as súas obrigas de pago. E finalizan esta salvedade indicando que poderá continuarse coa actividade se existe un apoio financeiro externo, ou ben dos Patronos ou ben doutros terceiros.

Queda por tanto manifestamente claro, a incapacidade interna dos actuais xestores da Fundación para poder afrontar o futuro, mentres se siga a repetir o mesmo modelo de xestión, aportándose como única solución a da contribución externa ós déficits orzamentarios.

Tanto o Informe de Auditoría como o Informe do Consello de Contas analizan a implicación destas perdas reiteradas na evolución do Fondo Patrimonial, que arrinca cunha aportación fundacional dos Patronos de 45,62 millóns de euros, e que se ve reducido ata os 22,81 millóns de euros (un 50%), ata o ano 2006. E todo fai indicar unha evolución similar ou peor para o ano 2007. Estas cifras distáncianse moito das publicadas polo Sr. Maril, que cifraba o patrimonio da Fundación en 90 millóns de euros, cantidade que nos gustaría que nos explicase a nós e agradeceriamos que tamén ós seus propios auditores e ó Consello de Contas.

Ditas perdas tamén teñen a súa incidencia sobre a tesourería, que lóxicamente foi mermando nos últimos anos :

Ano

Tesourería

Reducción

2001

8.996.009 €


2002

7.375.547 €

-1.620.462 €

2003

6.221.862 €

-1.153.685 €

2004

5.033.940 €

-1.187.922 €

2005

3.361.246 €

-1.672.694 €

2006

1.803.909 €

-1.557.337 €

Estes datos, extraídos do Informe do Consello de Contas, mostran unha reducción da tesourería que se viu agudizada nos anos 2005 e 2006, e que de seguir nesta mesma progresión (e nada nos indica que non sexa así) prognostican outra reducción de aproximadamente 1,5 millóns de euros para o ano 2007, e indicarían unha situación de suspensión de pagos para o vindeiro trimestre de 2008. Estas previsións coinciden coa información interna coa que a Dirección da Fundación está traballando, e respalda as nosas afirmacións e dúbidas sobre a incertidume de poder cobrar os nosos salarios nun futuro próximo.

Este perigo foi denunciado no Informe do Consello de Contas, que veu respaldar a información anunciada polos Delegados de Persoal da Fundación no mes de Xaneiro do ano pasado, en relación co risco de suspensión de pagos que se podería producir na Fundación: “Esta tendencia da tesourería esixe medidas efectivas a curto prazo, que á vista das actividades dos últimos anos non parece que poidan esperarse da súa rendabilidade, con resultados económicos importantes e que, polo tanto, de non atenderse co recurso da financiación externa podería abocar á Fundación a verse incapacitada para facer fronte ás súas obrigas de pago xa dentro do exercicio 2007. O capital circulante tamén vén sufrindo unha minoración similar, o que impide asegurar a viabilidade da Fundación sen axudas externas a curto prazo”.

Esta situación pódese ver moito mais agravada polos litixios nos que nestes momentos está inmersa a Fundación. Por un lado a empresa constructora do recinto FCC, que reclama máis de 4 millóns de eurospor importes non abonados pola Semana Verde. E por outro lado a reclamación polas cantidades non abonadas ó Concello de Silleda en concepto de IBI (100.000 € anuais) e de IAE (10.000 € anuais), dos que a Fundación non ostenta a condición de exenta por ser o Presidente un cargo retribuído (condición indispensable para obter a exención e que se cumpre no resto dos recintos de Galicia). A modo de simple conclusión, poderiamos indicar que a permanencia do Sr. Maril no seu cargo está supoñendo a esta Fundación un custe anual de 215.000 € (105.000 € de salario, 100.000 € de IBI e 10.000 € de IAE).

Quixeramos mostrar unha vez mais, e a raíz da información da que dispoñemos e da cal queremos facer partícipe a calquera interesado, as nosas serias dúbidas sobre a capacidade da Fundación para poder facer fronte nun futuro moi próximo ás súas obrigas de pago, incluídas as retribucións salariais dos seus traballadores. Por todo elo, e dada a afirmación rotunda e reiterada do Presidente da Fundación de que os empregados desta casa seguirán a percibir os seus soldos puntualmente, gustaríanos que fixera públicos os seus argumentos, que contradin as conclusións formuladas por Ernst &Young e polo Consello de Contas. Argumentos dos que cremos que non dispón, ó non facelos públicos nin aceptar a reunión solicitada polos traballadores para coñecelos da súa propia persoa.

O resultado económico publicado para este ano 2007, cun beneficio neto na actividade dun millón de euros, é unha mostra máis da capacidade empregada polo Sr. Maril para mostrar nos medios de comunicación información sesgada e parcial, vendendo unha imaxe de tranquilidade e éxito profesional que se distancia moito da realidade. Este beneficio anunciado prodúcese única e exclusivamente pola celebración neste ano de múltiples oposicións convocadas polo Sergas e pola Consellería de Presidencia. Pero estas oposicións, que para nada se poden atribuír á xestión directa do Sr. Maril, senón a un feito puntual e ocasional da propia Administración que concentrou por diversos motivos grande número de probas nesta anualidade, non redundarán nin se repetirán en anos futuros. E foron os ingresos extraordinarios percibidos nesta actividade os que permitiron que non se producise no propio ano 2007 a anunciada incapacidade para facer fronte ós pagos anunciada polo Consello de Contas. De todas maneiras, e aceptando dito beneficio como posible, aínda que non atribuíble á xestión do Presidente da Fundación (que ultimamente se dedica a atribuírse como propias feiras organizadas por terceiros independentes e que reportan á Fundación réditos ridículos), estamos ante o anuncio dun beneficio neto na actividade, polo que aínda están pendentes de aplicar sobre esa actividade os custes indirectos xerados ó longo de todo o ano. A aplicación destes custes indirectos como amortizacións, mantemento, seguros, provisións, etc. vai levar a que se xenere un ano mais outro déficit nas contas anuais que voltarán a mermar o Fondo Patrimonial e a reducir a tesourería da Fundación.

E como solución a esta situación, e dado que non é moi probable a xeración de novos ingresos a través da actividade (reducida segundo o propio Consello de Contas nun 34% no número de expositores, nun 30% no número de visitantes, nun 28% nos ingresos de espacio e 28% na ocupación do recinto), faise obrigada a opción da financiación externa a través dos seus Patronos, claramente os pertencentes á Xunta de Galicia.

Pero esta financiación non se vén producindo, como ben di o propio Sr. Maril desde o ano 2000. E con motivo da deprimente situación arrastrada nos últimos anos, e en vista das posibles consecuencias que se prevén nun futuro moi cercano, os traballadores da Fundación vímonos na obriga de ter que informarnos directamente polos Patronos da Xunta de Galicia do motivo polo cal non se producían estas aportacións. Tanto o Conselleiro de Presidencia (en nome e representación dos membros pertencentes o PSdeG-PSOE) como o Conselleiro do Medio Rural (polo BNG), mostraron a súa postura de non contribuír con ningunha cuantía económica mais á Fundación (xa aportaron 62,40 millóns de euros) mentres se mantivese no cargo de Presidente o Sr. Maril, dado que a súa presencia imposibilita a aplicación dunha serie de medidas encamiñadas á profesionalización e reorientación da Fundación para convertelo no verdadeiro recinto feiral de Galicia.

A figura do Sr. Maril, opinión que mostramos non desde a nosa posición de traballadores da Fundación, senón a través dos propios comentarios dos Conselleiros de Presidencia e do Medio Rural, supón unha traba para o futuro desta Fundación. O Consello de Contas xa indicou a absorción de poderes que agora o Sr. Maril nega atribuírse aludindo á existencia dun cadro directivo no que delega a súa xestión.

A Xunta de Galicia, na búsqueda da profesionalización na xestión do Recinto Feiral (no que repetimos que invirtíu 62,40 millóns de euros), nomeou un Xerente, sobre o que o Consello de Contas comenta: “a función do Xerente na práctica foi desvirtuada pola asunción de competencias executivas propias deste cargo polo Presidente. En definitiva, o peso da xestión basculou de forma visible sobre a figura do Presidente que absorbe amplas facultades de xestión e administración por delegación do Padroado, e retén tódalas propias dos administradores ordinarios no manexo de recursos financeiros, da xestión de persoal, e en materias de organización e de contratación”. Queda manifestamente clara a absorción de poderes plenipotenciarios por parte do Presidente, que en ningún momento busca a profesionalización deste recinto feiral, senón a de perpetuarse no cargo, a pesares da falta de apoio do resto dos membros do Padroado.

Esta situación, que ata o de agora tiña difícil solución pola situación de bloqueo que ostentaba o propio Sr. Maril a través da Asociación Feiral, viuse liberada o pasado 21 de Novembro, coa facultade do Padroado (con maioría da Xunta de Galicia) para proceder ó nomeamento dun novo Presidente.

Queremos manifestar novamente que a intención dos traballadores desta Fundación é a de buscar o mellor futuro para este recinto feiral como única vía de conseguir o garante para os nosos salarios. Pero a situación acontecida nos últimos anos, e que se vén prolongando ata o día de hoxe, mostra un total distanciamento entre o Sr. Maril e a Xunta de Galicia.

O Sr. Maril mantén íntegro o seu instinto de supervivencia, e adoptou unha postura de non ceder a Presidencia gratuitamente. E a Xunta de Galicia, a pesares de ter a total capacidade para cesar ó Presidente, non quere adoptar medidas drásticas que provoquen mala imaxe política na zona do Deza e no resto da Comunidade Autónoma, mantendo unha postura de inmobilismo, á espera de que se produza a definitiva quebra económica da Fundación que obrigue ó Sr. Maril a ter que abdicar.

Os traballadores non buscamos a destitución nin o cese do Sr. Maril, senón só provocar unha situación de desbloqueo que permita un entendemento entre as partes para obter por fin unha solución que leve a situar a este recinto feiral na posición que realmente sempre debeu ocupar.